NOTA DE PRENSA
A Delegación de Educación da Coruña demora en máis de dous meses o pagamento das nóminas de interinos/as
Desde a CIG-Ensino denunciamos o impago das nóminas a determinado profesorado interino dependente da Consellaría de Educación da delegación da Coruña. Este colectivo non percibe as correspondentes retribucións desde o mes de setembro, aínda cando moitos deles pertencían a esta mesma delegación o curso pasado. O mesmo ocorre co profesorado funcionario en prácticas. É dicir, un importante número de persoal docente que desde o actual curso escolar depende desta delegación está a sufrir as consecuencias dun nefasto funcionamento. Tampouco se pagaron os atrasos por trienios, nalgún caso, despois de tres anos de ter recibido o recoñecemento administrativo por este concepto. Ademais doutros casos como complemento por cargos directivos, sexenios, complemento por xefatura de orientación ( neste caso, o impago esténdese a todas as delegacións ), etc.
A pesar de que na Mesa Sectorial do 5 de outubro a CIG-Ensino expresou a súa queixa á Administración polo mal funcionamento desta delegación, as cousas seguen sen arranxarse, quedando patente o desleixo mostrado pola Consellaría de Educación, facendo caso omiso ás nosas demandas
É lamentábel que os colectivos antes mencionados teñan que sufrir as consecuencias dunha situación de pésima xestión nalgún servizo da delegación da Consellaría de Educación da Coruña.
A CIG-Ensino esixe o inmediato pagamento das retribucións adebedadas
ao persoal interino, funcionarios en prácticas e todos/as aqueles docentes afectados/as cunha rápida actuación e solución a este conflito.
Santiago, 31 de novembro 2006-
Secretaria de prensa da CIG-ENSINO