a CIG-Ensino exixe o mantenemento de Filoloxía Galega


Diante da proposta da subcomisión de Humanidades -dentro da comisión académica encargada de facer propostas para a adecuación das titulacións universitarias ao marco europeo- que pretende suprimir a titulación de Filoloxía Galega do catálogo de titulacións universitarias, a CIG-Ensino, quere manifestar o seguinte:

 

É inadmisíbel que se chegue a facer unha proposta de titulacións entre as cales desaparece a titulación de Filoloxía Galega, pretendendo menospreciar e secundarizar o noso idioma e a nosa cultura.

Estamos ante unha proposta que nega a nosa identidade e actúa desde unha visión totalmente centralista, renunciando á realidade pluricultural e plurinacional do Estado ao englobar o estudo das linguas Catalá, Vasca e Galega baixo unha única titulación de Lingua e Cultura Modernas, mentres si aparece o título de Lingua Española e as súas Literaturas.

 

Non deixa de ser preocupante que a Consellaría de Educación se amose pasiva diante desta proposta, o que evidencia, máis unha vez, a despreocupación pola normalización lingüística e por situar a nosa lingua onde lle corresponde como lingua propia de Galiza.