13/12/2009
I Convenio Estatal de Centros de Protección e Reforma
Desde CIG-Ensino manifestamos a nosa sorpresa e malestar polo proceso negociador, non só por unha paralización durante un tempo tan prolongado, senón tamén, e tal como figuraba nesa última acta aprobada, pola pouca formalidade das anteriores convocatorias. Estamos dispostos a retomar as negociacións. É certo que na Plataforma da que se fala xa hai moitos puntos aceptados (aprobados, como figuran na mesma), pero tamén é certo que os puntos que quedan son xustamente os máis importantes e nos que está máis difícil chegar a acordo coas posturas que se transmiten: falta todo o tema salarial, o da xornada laboral, a subrogación, cláusula de descolgue, etc. Sen descartar que haxa un convenio de referencia estatal, nós apostamos pola negociación no ámbito autonómico, dado que estamos a falar de centros subvencionados polas Administracións Autonómicas. Así pois, calquera acordo ao que se queira ou poida chegar, vai estar condicionado polos recursos que aporten estas Administracións. Deixamos constancia disto para que se teña en consideración e todos/as, patronais e sindicatos, fagan un chamamento ás súas organizacións nos distintos territorios, no noso caso en Galiza, para poñernos dacordo na demanda dos recursos necesarios para que non se vexa deteriorado un servizo social tan importante e, obviamente, para mellorar as condicións de traballo do persoal que o presta.